outrasDentro do convenio que a Federación subscribe co Concello da Coruña, ademáis dos programas que se desenvolven ao longo de todo o curso de xeito periódico como Luditarde, POE ou Deporte no centro, organizamos outras moitas actividades puntuáis, visitas, etc… resumímosvos a continuación algunhas delas.

Visitas culturais

A intención destas visitas é achegar ao alumnado a espazos de referencia nos que complementar, a través de novas propostas lúdico-didácticas, as diferentes áreas que se enmarcan dentro dos programa como o de Ocio Educativo. Realízanse dentro do horario habitual de 16:00 a 18:00, e ofértase a todos os nenos inscritos no programa, aínda cando o día da saída non coincidise co do seu día de asistencia á actividade.

Visitas culturais01

Xornadas de portas abertas

Normalmente organízanse para as familias e coa idea de dar a coñecer, a través da propia vivencia e experiencia in situ, os contidos e tipo de actividades ou sesións que se desenvolven nunha sesión dinámica e lúdica.

As do primeiro trimestre deste ano, por exemplo levaron o nome de Trotamúsicos, estiveron relacionadas coa música e o movemento, coa idea dar a coñecer, os contidos e tipo de actividades ou sesións que se levarían a cabo dentro dun posible programa de música que se poida ofertar de cara ao vindeiro curso.

Peche de actividades coas familias

Estas propostas desenvólvense nalgúns centros promovidas ben pola propia ANPA, ou ben por iniciativa dos propios educadores. O obxectivo desta actividade de clausura ou peche é despedir este período, celebrar a chegada do Nadal ou festividade próxima, cunha xornada lúdica e compañía das familias.

Faise coa idea de mostrar parte dos contidos traballados ao longo do curso nalgúns dos programas da Federación, participando así da vida do centro e favorecendo a comunicación coas familias.

Representacións01

Día da Ciencia na Rúa

Desde 1996 veuse celebrando anualmente o Día da Ciencia na Rúa, posto en marcha pola Asociación de Amigos dos Museos.

Con esta iniciativa preténdese achegar aos máis novos ao mundo a ciencia a través propostas nas que eles sexan os protagonistas,  acando a ciencia á rúa, divulgando o coñecemento científico e presentándoa como un xogo ao alcance de todos.

Organízase o primeiro sábado de maio, en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas no Parque de Santa Margarita.

Feira matemática

Co gallo do Día Escolar das Matemáticas e como vén facendo desde hai dez anos, a Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) en colaboración co Concello da Coruña, celebran este día cunha Feira Matemática.

Trátase dunha xornada para divulgar o ensino-aprendizaxe das matemáticas e conseguir unha intercomunicación social, lúdica, práctica e divertida, animando a nenos e maiores a resolver problemas matemáticos diversos. Ademais, cada profesor ou cada grupo de alumnos/as pode expoñer, vender ou comprar unha ou máis propostas didácticas ou actividades.

Algúns grupos do POE participan dinamizando e explicando as propostas que expoñen e que previamente se deseñan na aula dentro do módulos de Divermates e Pequeciencia.