Protocolo COVID-19. Infraestrutura sen gasto

Fonte: La Opinión A Coruña 19.07.2020

Ver noticia completa

“A Xunta está intentando plantexar unha infraestrutura que non supoña ningún gasto”

“Hai pais que non mandarán así aos fillos ao colexio”. “O profesorado vai botar o día vixiando”

A presidenta da Federación Provincial de Anpas, Lola Blanco.

O protocolo pos-Covid presentado pola Xunta para o próximo curso escalou as tensións cos sindicatos, que se levantaron esta semana da mesa sectorial de educación ante a negativa do Goberno autonómico de negociar un novo plan. Pero a administración tamén se está a enfrontar ás familias, entre ás que engloba a Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais. A súa presidenta, Lola Blanco, afea a falta de comunicación do ente cos proxenitores, e reclama “máis orzamento e docentes” para as novas medidas de distancia e seguridade.

Como se debuxa este ano a volta ao cole?

En principio o protocolo vai seguir adiante. Outra cousa é que todos os integrantes da comunidade educativa esteamos disconformes: sindicatos, asociacións de pais, familias? O que está claro é que consenso non hai, e comunicación ningunha, porque aos sindicatos os citaron para unha mesa sectorial na que non lles deixaron negociar, pero das familias esquecéronse.

Séntense desprazados das conversas?

É que en ningún momento nos dixeron absolutamente nada. Desde que comezou todo isto co confinamento, convocóusenos dúas veces a un encontro coa Consellería para outras cuestións, pero foi unha reunión informativa. En ningún intre se negociou nin se aceptou nada máis que o que se nos expuña. E agora non nos convocaron para nada.

O sindicatos cualificaron o plan de “inviable”. E os pais?

Absolutamente inviable tamén. Ademais, a percepción fundamental que se ten é que a conta da economía redúcense as distancias. O que se está intentando é plantexar unha infraestrutura que non supoña ningún gasto. Redúcense as distancias, non as ratios, non se aumenta o profesorado nin o persoal non docente? Ademais, protestamos por non ternos en conta. Os protagonistas fundamentais seguen a ser os alumnos e por extensión as familias, pero levamos moito tempo decatándonos de cada novidade pola prensa.

Teñen medo os pais de enviar aos fillos aos centros en setembro

Atopámonos nunha combinación de medo e da necesidade de educación e de conciliar. Hai xente que di que precisa traballar, pero outros din que vanse arranxar como poidan pero que nestas condicións non mandarán aos seus fillos ao colexio. Por exemplo, fálase dunha distancia dun metro de cadeira a cadeira, pero estás partindo de que os cativos son estatuas e non se van mover.

Precisaríase unha grande labor de vixiancia para logralo. Temen que diminúa a calidade educativa?

Si. O protocolo establece quendas de entrada e de saída, vixilancia nos recreos, nas aulas, nos corredores, clases burbulla que non poden interactuar? Fáltanos que nos comunique a Xunta en que momento eses profesores van dar clase, porque parece que cando o último neno entre, o primeiro empezará a saír. Se van establecer quendas con metro e media de distancia, cando vai chegar o último neno á clase? Se non se incrementa, o profesorado vai botar o día vixiando. Non sabemos en que intre se van a dedicar á súa función, que é a docencia.

Dentro do panorama galego, cre que na Coruña será máis ou menos sinxelo a aplicación destas directrices?

Creo que vai ser coma en todas as grandes cidades, máis complicado pola cantidade de nenos que hai nos colexios. Na Coruña a ratio é de 25 e nas aula cúmprese ao máximo ou aínda máis, porque os repetidores non contan, así que hai clases de 26 ou 27 en Primaria e de ata 34 en Secundaria.

Explotará en setembro a saturación que sofren algúns centros?

Claro. De feito, a maioría están no máximo e en setembro iso vai ser inviable. Logo, vai a haber un montón de problemas nos espazos. Como din que se empreguen ximnasios ou salóns de actos, ímonos quedar sen un montón de posibilidades. Logo pensemos nos comedores, que son unha loucura. Se no comedor teñen que estar os nenos a metro e medio e non temos máis capacidade? Pois quedarán sen comer.

As Anpas xestionan ese servizo na Coruña.

Si, pero non podemos pór nós uns criterios. Temos uns asociados e é un servizo que se da ao centro, e a partir de aí deberían poder entrar todos. Fálannos de facer quendas, pero é que na Coruña hai centros nos que se están a facer xa tres quendas de comedor agora mesmo. Incluso así, vai caber a terceira parte do alumnado. E hai que ter en conta que o comedor cumpre unha función social, temos moitos nenos becados. Rexeitamos que as Anpas sexan as que impoñan que criterios usar para decidir que uns coman e outros non.

Que centros o terán máis difícil?

O espazo é moito máis sinxelo en colexios do rural, que teñen dez ou doce nenos por aula e algunhas clases baleiras. Na Coruña, por exemplo, o Eusebio da Guarda ou o María Pita teñen tres quendas de comedor e están xa ata arriba, e non hai máis aulas. O Sagrada Familia tamén, e o Anxo da Garda xa ten dúas quendas, e nun colexio de 225 nenos van 100 ao comedor todos os meses. En actividades extraescolares temos arredor de 2.000 nenos todos os anos.

Como están a xestionar esas actividades extraescolares?

O único que pon o plan é que o centro directivo ten que facer un protocolo de adaptación ao Covid, e fará un anexo para as actividades extraescolares. En resumo, que queda a criterio da dirección do centro que se fagan ou non. Entendo que con toda a vixiancia, é máis que probable que a maioría dos colexios digan que non ás actividades extraescolares.

Plantéxanse deixar de prestalas?

Iso díxoo Rogelio Carballo, o presidente de Confapa Galicia (Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos), nunha entrevista, pero referido a Pontevedra. Na Coruña, cada Anpa as xestiona de xeito independente, e aínda así temos un compoñente conciliador e de asistencia social que non podemos deixar de lado. O que temos que intentar é solucionalo.

Cales son as súas reivindicacións?

Nós o que necesitamos é espazo, maior orzamento, máis docentes. Que haxa medios. Só con medios se vai poder xestionar. Tampouco se pode deixar en mans dos centros directivos. Cada administración ten que facer unha regulación, non pode facer deixación de funcións. De todos os xeitos, determinadas decisións deberían tomarse pola comunidade educativa no Consello Escolar, non por parte da dirección do centro como se plantexa para que as familias non teñamos nada que dicir.

A próxima semana os sindicatos manifestaranse para esixir un protocolo negociado. Uniranse ás concentracións?

Si, as familias ímonos reunir ás concentracións os días 22 e 28 en Santiago de Compostela. Haberá tamén unha representación tanto da Federación Provincial da Coruña como de Confapa Galicia.

Comunicado sobre o borrador do Protocolo da COVID-19 nos Centros Escolares

Achegamos comunicado de CONFAPA GALICIA no que manifestamos a nosa opinión sobre o protocolo contido no borrador que se someterá á aprobación da mal chamada mesa sectorial, xa que as familias non estamos representadas por ninguén; o que indica o ninguneo da nosa imprescindible aportación. A escola non sería o que é se as ANPAS non xestionasen madrugadores, comedores e actividades extraescolares, asumindo funcións e responsabilidades que cando menos deberían ser recoñecidas pola Administración. Reclamamos, polo tanto, o noso dereito a ter opinión nas medidas que se vaian  adoptar nos Centros Escolares.

Comunicado protocolo da covid 19 nos centros escolares