Vacinación de monitores dos Centros escolares

A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E O SERGAS EXCLÚEN AOS MONITORES DAS ANPAS DO PLAN DE VACINACIÓN

Informamos que a Federación provincial de ANPAS de Centros Públicos de A Coruña solicitou en primeira instancia á Consellería de Educación que os monitores de comedor e de actividades extraescolares fosen incluídos no Plan de vacinación do grupo 3C que corresponde ao persoal traballador dos Centros Escolares, respostándosenos que non foron considerados como tales, que entenden que non son esenciais nin están entre os colectivos de risco, e que por todo iso deben esperar a que lles corresponda vacinarse dentro do seu grupo de idade; resposta que non podemos entender nin aceptar, pois os monitores/educadores contratados polas Anpas ou as súas Federacións  están en contacto directo co alumnado nos servizos de madrugadores e comedor e/ou actividades extraescolares, varias horas ao día no horario de tarde, e nos dous primeiros casos atendendo ao alumnado sen máscara.

Ante tal resposta, témonos dirixido tamén á Xerencia e Dirección do Sergas para expoñer a situación e solicitar que estes traballadores sexan vacinados cando o persoal colaborador de comedores que depende da Xunta e que sí entraría no grupo 3C, non recibindo resposta algunha.

Denunciamos, ademáis, que se está a producir un agravio á escola publica, pois os traballadores e colaboradores de comedor dos Centros Concertados sí están sendo chamados a vacinarse por terse permitido a súa inclusión nos listados de persoal non docente dos centros.

 As nosas fillas e fillos non só están en contacto directo cos docentes, senon tamén, e ás veces en maior medida, con outros profesionais que tamén traballan nos espazos escolares, colaborando na súa formación, desenvolvemento físico e mental e favorecendo a conciliación familiar. Entre as finalidades dunha pronta vacinación dos traballadores dos centros educativos é primordial a de conseguir que os centros educativos sexan un espazo seguro para o alumnado e para acadar ese fin é absolutamente indispensable que se aplique o Plan de Vacinación a todo o persoal, tamén ao que depende das Anpas.

Xunta Directiva