Protocolo COVID-19. Infraestrutura sen gasto

Fonte: La Opinión A Coruña 19.07.2020

Ver noticia completa

“A Xunta está intentando plantexar unha infraestrutura que non supoña ningún gasto”

“Hai pais que non mandarán así aos fillos ao colexio”. “O profesorado vai botar o día vixiando”

A presidenta da Federación Provincial de Anpas, Lola Blanco.

O protocolo pos-Covid presentado pola Xunta para o próximo curso escalou as tensións cos sindicatos, que se levantaron esta semana da mesa sectorial de educación ante a negativa do Goberno autonómico de negociar un novo plan. Pero a administración tamén se está a enfrontar ás familias, entre ás que engloba a Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais. A súa presidenta, Lola Blanco, afea a falta de comunicación do ente cos proxenitores, e reclama “máis orzamento e docentes” para as novas medidas de distancia e seguridade.

Como se debuxa este ano a volta ao cole?

En principio o protocolo vai seguir adiante. Outra cousa é que todos os integrantes da comunidade educativa esteamos disconformes: sindicatos, asociacións de pais, familias? O que está claro é que consenso non hai, e comunicación ningunha, porque aos sindicatos os citaron para unha mesa sectorial na que non lles deixaron negociar, pero das familias esquecéronse.

Séntense desprazados das conversas?

É que en ningún momento nos dixeron absolutamente nada. Desde que comezou todo isto co confinamento, convocóusenos dúas veces a un encontro coa Consellería para outras cuestións, pero foi unha reunión informativa. En ningún intre se negociou nin se aceptou nada máis que o que se nos expuña. E agora non nos convocaron para nada.

O sindicatos cualificaron o plan de “inviable”. E os pais?

Absolutamente inviable tamén. Ademais, a percepción fundamental que se ten é que a conta da economía redúcense as distancias. O que se está intentando é plantexar unha infraestrutura que non supoña ningún gasto. Redúcense as distancias, non as ratios, non se aumenta o profesorado nin o persoal non docente? Ademais, protestamos por non ternos en conta. Os protagonistas fundamentais seguen a ser os alumnos e por extensión as familias, pero levamos moito tempo decatándonos de cada novidade pola prensa.

Teñen medo os pais de enviar aos fillos aos centros en setembro

Atopámonos nunha combinación de medo e da necesidade de educación e de conciliar. Hai xente que di que precisa traballar, pero outros din que vanse arranxar como poidan pero que nestas condicións non mandarán aos seus fillos ao colexio. Por exemplo, fálase dunha distancia dun metro de cadeira a cadeira, pero estás partindo de que os cativos son estatuas e non se van mover.

Precisaríase unha grande labor de vixiancia para logralo. Temen que diminúa a calidade educativa?

Si. O protocolo establece quendas de entrada e de saída, vixilancia nos recreos, nas aulas, nos corredores, clases burbulla que non poden interactuar? Fáltanos que nos comunique a Xunta en que momento eses profesores van dar clase, porque parece que cando o último neno entre, o primeiro empezará a saír. Se van establecer quendas con metro e media de distancia, cando vai chegar o último neno á clase? Se non se incrementa, o profesorado vai botar o día vixiando. Non sabemos en que intre se van a dedicar á súa función, que é a docencia.

Dentro do panorama galego, cre que na Coruña será máis ou menos sinxelo a aplicación destas directrices?

Creo que vai ser coma en todas as grandes cidades, máis complicado pola cantidade de nenos que hai nos colexios. Na Coruña a ratio é de 25 e nas aula cúmprese ao máximo ou aínda máis, porque os repetidores non contan, así que hai clases de 26 ou 27 en Primaria e de ata 34 en Secundaria.

Explotará en setembro a saturación que sofren algúns centros?

Claro. De feito, a maioría están no máximo e en setembro iso vai ser inviable. Logo, vai a haber un montón de problemas nos espazos. Como din que se empreguen ximnasios ou salóns de actos, ímonos quedar sen un montón de posibilidades. Logo pensemos nos comedores, que son unha loucura. Se no comedor teñen que estar os nenos a metro e medio e non temos máis capacidade? Pois quedarán sen comer.

As Anpas xestionan ese servizo na Coruña.

Si, pero non podemos pór nós uns criterios. Temos uns asociados e é un servizo que se da ao centro, e a partir de aí deberían poder entrar todos. Fálannos de facer quendas, pero é que na Coruña hai centros nos que se están a facer xa tres quendas de comedor agora mesmo. Incluso así, vai caber a terceira parte do alumnado. E hai que ter en conta que o comedor cumpre unha función social, temos moitos nenos becados. Rexeitamos que as Anpas sexan as que impoñan que criterios usar para decidir que uns coman e outros non.

Que centros o terán máis difícil?

O espazo é moito máis sinxelo en colexios do rural, que teñen dez ou doce nenos por aula e algunhas clases baleiras. Na Coruña, por exemplo, o Eusebio da Guarda ou o María Pita teñen tres quendas de comedor e están xa ata arriba, e non hai máis aulas. O Sagrada Familia tamén, e o Anxo da Garda xa ten dúas quendas, e nun colexio de 225 nenos van 100 ao comedor todos os meses. En actividades extraescolares temos arredor de 2.000 nenos todos os anos.

Como están a xestionar esas actividades extraescolares?

O único que pon o plan é que o centro directivo ten que facer un protocolo de adaptación ao Covid, e fará un anexo para as actividades extraescolares. En resumo, que queda a criterio da dirección do centro que se fagan ou non. Entendo que con toda a vixiancia, é máis que probable que a maioría dos colexios digan que non ás actividades extraescolares.

Plantéxanse deixar de prestalas?

Iso díxoo Rogelio Carballo, o presidente de Confapa Galicia (Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos), nunha entrevista, pero referido a Pontevedra. Na Coruña, cada Anpa as xestiona de xeito independente, e aínda así temos un compoñente conciliador e de asistencia social que non podemos deixar de lado. O que temos que intentar é solucionalo.

Cales son as súas reivindicacións?

Nós o que necesitamos é espazo, maior orzamento, máis docentes. Que haxa medios. Só con medios se vai poder xestionar. Tampouco se pode deixar en mans dos centros directivos. Cada administración ten que facer unha regulación, non pode facer deixación de funcións. De todos os xeitos, determinadas decisións deberían tomarse pola comunidade educativa no Consello Escolar, non por parte da dirección do centro como se plantexa para que as familias non teñamos nada que dicir.

A próxima semana os sindicatos manifestaranse para esixir un protocolo negociado. Uniranse ás concentracións?

Si, as familias ímonos reunir ás concentracións os días 22 e 28 en Santiago de Compostela. Haberá tamén unha representación tanto da Federación Provincial da Coruña como de Confapa Galicia.

Comunicado sobre o borrador do Protocolo da COVID-19 nos Centros Escolares

Achegamos comunicado de CONFAPA GALICIA no que manifestamos a nosa opinión sobre o protocolo contido no borrador que se someterá á aprobación da mal chamada mesa sectorial, xa que as familias non estamos representadas por ninguén; o que indica o ninguneo da nosa imprescindible aportación. A escola non sería o que é se as ANPAS non xestionasen madrugadores, comedores e actividades extraescolares, asumindo funcións e responsabilidades que cando menos deberían ser recoñecidas pola Administración. Reclamamos, polo tanto, o noso dereito a ter opinión nas medidas que se vaian  adoptar nos Centros Escolares.

Comunicado protocolo da covid 19 nos centros escolares

Xaque ao virus

O luns 23 de marzo, deu comezo a proposta de lecer on- line “Xaque ao virus” que levan a cabo os educadores dos Programas de Lecer da Federación Provincial de Anpas

É unha proposta para o fomento da saúde tanto mental como física adaptada á situación do confinamento familiar no que a sociedade española está inmersa debido á pandemia provocada polo coronavirus. Dita proposta está orientada a todos os escolares rexistrados nos programas municipais “Deporte non Centro”, “Lecer Educativo-POE-” e “ Luditarde”, para así seguir mantendo a oferta educativa a todas aquelas familias rexistradas nos devanditos programas.

O Xogo consiste na superación de diferentes retos semanais para conseguir unha serie de puntos ou “antivirus” necesarios para derrotar ao coronavirus e avanzar postos na clasificación xeral. Os retos serán probas sinxelas a superar para acumular puntos para o teu colexio. Cada reto constará de dúas probas:

  • Proba CORPO EN FORMA: Serán tarefas que teñen que ver coa actividade física e o deporte e que poderás facer en casa.
  • Proba MENTE EN FORMA: Serán tarefas que fomentarán o desenvolvemento da túa creatividade. Cun pouco de imaxinación, seguro que as feixes facilmente.

Os retos publicaranse no blogue do xogo creado para o teu colexio os luns, mércores e venres ás 12:00 h. DISPÓS DE 36 HORAS PARA REALIZAR CADA RETO.

É moi sinxelo bastará con que envíes unha foto do reto ou un vídeo á dirección de correo electrónico do blogue do teu colexio. As direccións dos blogues son as seguintes:

E-mail: fapasalborada@gmail.com

E-mail: fapasanxodagarda@gmail.com

E-mail: fapacidadevella@gmail.com

E-mail: fapasconcepcionarena@gmail.com

E-mail: fapascurrosenriquez@gmail.com

E-mail: fapaseusebiodaguarda@gmail.com

E-mail: fapasjosecornide@gmail.com

E-mail:  fapasjuanfdezlatorre@gmail.com

E-mail: fapaslabaca@gmail.com

E-mail: fapasmanuelmurguia@gmail.com

E-mail: fapasmariabarbeito@gmail.com

E-mail: fapasmariapita@gmail.com

E-mail: fapaspracticas@gmail.com

E-mail: fapasramondelasagra@gmail.com

E-mail: fapasraquelcamacho@gmail.com

E-mail: fapasrosaliadecastro@gmail.com

E-mail: fapasagradafamilia@gmail.com

E-mail: fapassallence@gmail.com

E-mail:  fapassalgadotorres@gmail.com

E-mail:  fapasanpedrodevisma@gmail.com

E-mail: fapassanfranciscojavier@gmail.com

E-mail: fapassanjurjodecarricarte@gmail.com

E-mail: fapasvictorlopezs@gmail.com

E-mail: fapaswenceslao@gmail.com

E-mail: fapaszalaeta@gmail.com

E-mail: fapasieselvina@gmail.com

E-mail: fapasmenendezpidal@gmail.com

E-mail: fapasiesmontedasmoas@gmail.com

E-mail: fapasmariamarino@gmail.com

E-mail: fapasrosario@gmail.com

E-mail: ludiramon@gmail.com

Lembra que podes animar as túas e os teus compañeiros de actividades a participar no xogo. Cantas/os máis sexades máis puntuación para o voso colexio. A que esperades?

Máis información: Xaque ao virus

Programa: Itinerarios Urbanos Virtuais

Estimadas ANPAS.

Informamosvos anteriormente da continuidade dos nosos programas educativos de Ocio e Deporte incluidos no xogo online “Xaque ao Virus”, pois hoxe anunciamosvos que:

Desde o programa Itinerarios Urbanos tamén nos sumamos ao #quedateencasa, asi que a través desa iniciativa queremos que os escolares poidan seguir coñecendo a nosa cidade, tal e como o ían a facer presencialmente.

Isto é só un paréntese nas nosas vidas, pronto volveremos retomalas. Mentres tanto en itinerariosvirtuales.blogspot.com podedes seguir connosco a través das actividades que vos propomos e seguir os directos dos itinerarios virtuais a través de Facebook.com/itinerarios.virtuales.39.  

Hoxe ás 16:00 horas coñeceremos á muller que dá nome á nosa praza máis importante e tamén visitaremos a súa casa museo.

Esperámosvos.

PRÓXIMOS DIRECTOS

O calendario de itinerarios virtuais retransmitidos en directo previsto para os próximos días é o seguinte:

· Venres 27 de marzo: polas rúas da cidade de María Pita

· Martes 31 de marzo: praza de Azcárraga e Palacio de Capitanía

· Xoves 2 de abril: praza de María Pita e Casa Consistorial

Cada retransmisión dará comezo ás 17.00 horas.

Máis información na web do concello Aquí

Programa: Xaque ao virus

Estimadas ANPAS:

Ante todo transmitirvos todo o noso ánimo para poder aturar o aillamento necesario para combatir a extensión da pandemia.

Ante esta insólita situación, desde un dos nosos  obxectivos fundamentais como organización como é o fomento da protección da infancia e a xuventude, e por puro convencemento, pensamos que temos que colaborar, unha vez mais e na medida das nosas posibilidades na procura dun tempo de lecer organizado para a nosa rapazada, que supla en certa medida o tempo no que viñan realizando as nosas actividades extraescolares.

Por iso, vimos de crear un programa, no marco do Convenio co Concello da Coruña e coa súa inestimable colaboración, particularmente do Servizo Municipal de Educación, “XAQUE AO VIRUS”, que ofrecemos a todos os participantes nas nosas actividades extraescolares para que poidan seguir a facelas e ademais cos seus educadores e/ou monitores, mantendo así o contacto con todos eles e os seus compañeiros e compañeiras.

Sabemos que hai moita oferta de entretenimento on line, pero a nosa  responsabilidade lévanos a crer que o que o período de ficar na en casa vai ser longo e que o tempo libre ten que ser organizado e socializador. A rapazada, e as familias, poderán participar no noso proxecto e ainda convidar á participación dos seus coñecidos, facer seguimento dos seus compañeiros e compañeiras, esforzarse en acadar maior puntuación para o seu grupo dese centro educativo,…en definitiva, interactuar, aprender, socializar, compartir,…todos eses valores que desde sempre buscamos e que hoxe mais que nunca temos que potenciar e ser quen de transmitir aos nosos fillos e fillas….Pretendemos que este programa “Xaque ao virus” chegue a todas as familias, polo que unha vez mais pedimos a vosa cooperación cara á maior difusión posible entre os vosos asociados, tanto do comezo deste programa, que será o vindeiro luns por ser hoxe día non lectivo, como das instruccions que en breve vos remitiremos.

Grazas coma sempre pola vosa axuda.

Comunicado sobre a suspensión das actividades académicas nos centros educativos

Deixamos aquí acceso ao comunicado de CONFAPA GALICIA sobre a suspensión das actividades académicas nos centros educativos, que suscribimos na súa totalidade. Comunicado

Tamén poñemos o enlace ás medidas a adoptar en todos os centros de ensino en relación coa pandemia covid- 19 para os vindeiros 14 días naturais contados dende o día 16 de marzo de 2020 dadas pola Consellería. Medidas a adoptar