A denominación do programa é ENGLISH LAB. Trátase dun título que se compón de dúas palabras: ENGLISH, en referencia ó idioma inglés, que é o núcleo sobre o que xira o programa, e LAB, abreviatura de laboratory, para formular os experimentos” que darán lugar á interacción da lingua inglesa cas diferentes áreas de contidos, expresando deste xeito a capacidade e potencial creativo que demandará o programa do alumnado participante, e que se pretende pór de manifesto coa posta en práctica das diferentes actividades que protagonizarán o día a día do proxecto.
OBXECTIVOS XERAIS
• Fomentar o coñecemento do idioma inglés nun contexto lúdico que reporte unha experiencia positiva durante o proceso de aprendizaxe.
• Adquirir competencia comunicativa no idioma inglés sobre aspectos centrados na súa faceta oral; escoita e fala.
OBXECTIVOS ESPECÍFICOS
• Realizar unha inmersión neste idioma estranxeiro, adaptándose ás características das diferentes etapas educativas e potenciando a vertente lúdica das distintas propostas.
• Propiciar a interrelación dos contidos propios da lingua inglesa con disciplinas e actividades atractivas para os e as participantes que reforcen a formación integral das persoas.
• Mellorar a capacidade de escoita comprensiva a través de recursos baseados en centros de interese, que fomenten a participación activa do alumnado.
• Potenciar a expresión oral en base a temáticas que resulten motivantes para os escolares, nun contexto de confianza e relaxación.
• Adquirir seguridade e soltura na comunicación oral en lingua inglesa para
favorecer o seu uso cotián.
METODOLOXÍA:
As características que definen a metodoloxía das actividades de lecer son: actividade complementaria dentro do centro escolar, a contorna lúdica e a participación activa do alumnado. Estes serán os acenos de identidade da actividade.
Por todo iso, empregarase unha metodoloxía que reforce a contorna de diversión nunha actividade complementaria e que pretende enriquecer o tempo de lecer formativo dos e das participantes. Atenderase aos intereses do alumnado, apoiándose permanentemente o contexto nas habilidades derivadas do uso oral do idioma, con actividades enfocadas a resolver necesidades da actividade cotiá.
AVALIACIÓN:
Será un proceso de avaliación continua. Empregaremos ordinariamente ferramentas de avaliación oral por medio de entrevistas, de conversas, de exposicións, de postas en común… para valorar o nivel individual do alumnado. De xeito extraordinario, dúas ou tres veces no curso, levaranse a cabo postas en común grupais ou creacións en soporte audiovisual que servan de mostra, e ó mesmo tempo de avaliación do nivel de progresión do alumnado participante.
PERÍODO DE REALIZACIÓN:
Do 1 de outubro de 2020 ao 31 de maio de 2021.
DESTINATARIOS:
Escolares de Educación Primaria e Secundaria de centros públicos do concello da Coruña.
• 1º a 6º curso de Educación Primaria.
• 1º a 4º curso de Educación Secundaria.
RATIO:
Mínimo 10 escolares para formar grupo. A partir de 19, desdoblarase o grupo.
TEMPORALIZACIÓN:
2 sesións semanais de 1 hora.
HORARIO:
A determinar pola ANPA de cada centro educativo.
COTAS TRIMESTRAIS A ABOAR NO CURSO 20-21:
• Período outubro-decembro: 45€ por participante
• Período xaneiro-marzo: 45€ por participante
• Período abril-maio: 30€ por participante
INSCRICIÓN E PRAZO:
A inscrición farase en liña a través da ligazón www.fedapascoruna.org/inscripciones posta a disposición para este programa. Do 1 ao 20 de setembro de 2020.