Protocolo COVID-19. Infraestrutura sen gasto

Fonte: La Opinión A Coruña 19.07.2020

Ver noticia completa

“A Xunta está intentando plantexar unha infraestrutura que non supoña ningún gasto”

“Hai pais que non mandarán así aos fillos ao colexio”. “O profesorado vai botar o día vixiando”

A presidenta da Federación Provincial de Anpas, Lola Blanco.

O protocolo pos-Covid presentado pola Xunta para o próximo curso escalou as tensións cos sindicatos, que se levantaron esta semana da mesa sectorial de educación ante a negativa do Goberno autonómico de negociar un novo plan. Pero a administración tamén se está a enfrontar ás familias, entre ás que engloba a Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais. A súa presidenta, Lola Blanco, afea a falta de comunicación do ente cos proxenitores, e reclama “máis orzamento e docentes” para as novas medidas de distancia e seguridade.

Como se debuxa este ano a volta ao cole?

En principio o protocolo vai seguir adiante. Outra cousa é que todos os integrantes da comunidade educativa esteamos disconformes: sindicatos, asociacións de pais, familias? O que está claro é que consenso non hai, e comunicación ningunha, porque aos sindicatos os citaron para unha mesa sectorial na que non lles deixaron negociar, pero das familias esquecéronse.

Séntense desprazados das conversas?

É que en ningún momento nos dixeron absolutamente nada. Desde que comezou todo isto co confinamento, convocóusenos dúas veces a un encontro coa Consellería para outras cuestións, pero foi unha reunión informativa. En ningún intre se negociou nin se aceptou nada máis que o que se nos expuña. E agora non nos convocaron para nada.

O sindicatos cualificaron o plan de “inviable”. E os pais?

Absolutamente inviable tamén. Ademais, a percepción fundamental que se ten é que a conta da economía redúcense as distancias. O que se está intentando é plantexar unha infraestrutura que non supoña ningún gasto. Redúcense as distancias, non as ratios, non se aumenta o profesorado nin o persoal non docente? Ademais, protestamos por non ternos en conta. Os protagonistas fundamentais seguen a ser os alumnos e por extensión as familias, pero levamos moito tempo decatándonos de cada novidade pola prensa.

Teñen medo os pais de enviar aos fillos aos centros en setembro

Atopámonos nunha combinación de medo e da necesidade de educación e de conciliar. Hai xente que di que precisa traballar, pero outros din que vanse arranxar como poidan pero que nestas condicións non mandarán aos seus fillos ao colexio. Por exemplo, fálase dunha distancia dun metro de cadeira a cadeira, pero estás partindo de que os cativos son estatuas e non se van mover.

Precisaríase unha grande labor de vixiancia para logralo. Temen que diminúa a calidade educativa?

Si. O protocolo establece quendas de entrada e de saída, vixilancia nos recreos, nas aulas, nos corredores, clases burbulla que non poden interactuar? Fáltanos que nos comunique a Xunta en que momento eses profesores van dar clase, porque parece que cando o último neno entre, o primeiro empezará a saír. Se van establecer quendas con metro e media de distancia, cando vai chegar o último neno á clase? Se non se incrementa, o profesorado vai botar o día vixiando. Non sabemos en que intre se van a dedicar á súa función, que é a docencia.

Dentro do panorama galego, cre que na Coruña será máis ou menos sinxelo a aplicación destas directrices?

Creo que vai ser coma en todas as grandes cidades, máis complicado pola cantidade de nenos que hai nos colexios. Na Coruña a ratio é de 25 e nas aula cúmprese ao máximo ou aínda máis, porque os repetidores non contan, así que hai clases de 26 ou 27 en Primaria e de ata 34 en Secundaria.

Explotará en setembro a saturación que sofren algúns centros?

Claro. De feito, a maioría están no máximo e en setembro iso vai ser inviable. Logo, vai a haber un montón de problemas nos espazos. Como din que se empreguen ximnasios ou salóns de actos, ímonos quedar sen un montón de posibilidades. Logo pensemos nos comedores, que son unha loucura. Se no comedor teñen que estar os nenos a metro e medio e non temos máis capacidade? Pois quedarán sen comer.

As Anpas xestionan ese servizo na Coruña.

Si, pero non podemos pór nós uns criterios. Temos uns asociados e é un servizo que se da ao centro, e a partir de aí deberían poder entrar todos. Fálannos de facer quendas, pero é que na Coruña hai centros nos que se están a facer xa tres quendas de comedor agora mesmo. Incluso así, vai caber a terceira parte do alumnado. E hai que ter en conta que o comedor cumpre unha función social, temos moitos nenos becados. Rexeitamos que as Anpas sexan as que impoñan que criterios usar para decidir que uns coman e outros non.

Que centros o terán máis difícil?

O espazo é moito máis sinxelo en colexios do rural, que teñen dez ou doce nenos por aula e algunhas clases baleiras. Na Coruña, por exemplo, o Eusebio da Guarda ou o María Pita teñen tres quendas de comedor e están xa ata arriba, e non hai máis aulas. O Sagrada Familia tamén, e o Anxo da Garda xa ten dúas quendas, e nun colexio de 225 nenos van 100 ao comedor todos os meses. En actividades extraescolares temos arredor de 2.000 nenos todos os anos.

Como están a xestionar esas actividades extraescolares?

O único que pon o plan é que o centro directivo ten que facer un protocolo de adaptación ao Covid, e fará un anexo para as actividades extraescolares. En resumo, que queda a criterio da dirección do centro que se fagan ou non. Entendo que con toda a vixiancia, é máis que probable que a maioría dos colexios digan que non ás actividades extraescolares.

Plantéxanse deixar de prestalas?

Iso díxoo Rogelio Carballo, o presidente de Confapa Galicia (Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos), nunha entrevista, pero referido a Pontevedra. Na Coruña, cada Anpa as xestiona de xeito independente, e aínda así temos un compoñente conciliador e de asistencia social que non podemos deixar de lado. O que temos que intentar é solucionalo.

Cales son as súas reivindicacións?

Nós o que necesitamos é espazo, maior orzamento, máis docentes. Que haxa medios. Só con medios se vai poder xestionar. Tampouco se pode deixar en mans dos centros directivos. Cada administración ten que facer unha regulación, non pode facer deixación de funcións. De todos os xeitos, determinadas decisións deberían tomarse pola comunidade educativa no Consello Escolar, non por parte da dirección do centro como se plantexa para que as familias non teñamos nada que dicir.

A próxima semana os sindicatos manifestaranse para esixir un protocolo negociado. Uniranse ás concentracións?

Si, as familias ímonos reunir ás concentracións os días 22 e 28 en Santiago de Compostela. Haberá tamén unha representación tanto da Federación Provincial da Coruña como de Confapa Galicia.

Comunicado sobre o borrador do Protocolo da COVID-19 nos Centros Escolares

Achegamos comunicado de CONFAPA GALICIA no que manifestamos a nosa opinión sobre o protocolo contido no borrador que se someterá á aprobación da mal chamada mesa sectorial, xa que as familias non estamos representadas por ninguén; o que indica o ninguneo da nosa imprescindible aportación. A escola non sería o que é se as ANPAS non xestionasen madrugadores, comedores e actividades extraescolares, asumindo funcións e responsabilidades que cando menos deberían ser recoñecidas pola Administración. Reclamamos, polo tanto, o noso dereito a ter opinión nas medidas que se vaian  adoptar nos Centros Escolares.

Comunicado protocolo da covid 19 nos centros escolares

Comunicado sobre a suspensión das actividades académicas nos centros educativos

Deixamos aquí acceso ao comunicado de CONFAPA GALICIA sobre a suspensión das actividades académicas nos centros educativos, que suscribimos na súa totalidade. Comunicado

Tamén poñemos o enlace ás medidas a adoptar en todos os centros de ensino en relación coa pandemia covid- 19 para os vindeiros 14 días naturais contados dende o día 16 de marzo de 2020 dadas pola Consellería. Medidas a adoptar

XXIV Mostra de Actividades Culturais

CELEBRARASE OS DÍAS 12 (martes), 13 (mércores) e 14 (xoves)  DE MAIO DE 2020, en horario de tarde no FORUM METROPOLITANO DA CORUÑA (Río de Monelos s/n)

Estimadas ANPAS:

Enviámosvos toda a información de cara a organizar a XXIV Mostra de Actividades Culturais no Forum Metropolitano do mes de maio, organización que comenza en cada ANPA vendo que actividades extraescolares poden participar. Rogamos encarecidamente cumprir cos prazos que se establecen, e así dar tempo aos responsables da organización da Federación de cadrar horarios, facer en imprenta os carteis e programas, buscar colaboradores, etc, etc.

MOI IMPORTANTE: A data límite de presentación das fichas de inscrición, así como dos debuxos será o día 12 de marzo (xoves) ás 20:00 horas nas oficinas da Federación.

Unha cuestión de moita importancia, son as normas que se refiren ás cuestións organizativas que rogamos enviedes directamente ás familias dos nenos e nenas que van participar e evitar de ese xeito, na medida do posible, incidencias que  danse e repítense en case todas as edicións. E sen mais, animádevos a participar e agradecervos a vosa colaboración.

Xornada de Formación

Curso de Formación para ás directivas das ANPAS

PARTICIPAR É UN DEREITO, PERO TAMÉN É UN DEBER SOCIAL.


O sábado día 8 de febreiro celebrouse dende as 9:20 ata pasadas as 14:30, no Hotel Exe da Coruña unha nova edición do curso de formación que vimos facendo todos os anos para que as persoas que forman parte ou as que entran novas na directiva dunha ANPA.

O obxectivo da xornada é que estéan ao día no que atinxe a todos os aspectos que  deben terse en conta á hora de xestionar unha Xunta Directiva, e tamén resolver as dúbidas que poidan xurdir.

Para que as ANPAS cumpran cos seus fins e obxectivos e para conseguir unha participación efectiva e rigorosa na xestión escolar, os pais e nais que desexen participar na ANPA e na xestión da escola, han de estar formados e informados e aprender a debater, colectivamente, os problemas e propostas de actuación máis axeitadas. Esta xornada axudaranos a cumprir, con máis facilidade, o noso compromiso a favor dunha educación democrática, inclusiva e de calidade, ao servizo das nosas fillas e fillos, así como coñecer os nosos dereitos e deberes como pais e nais e como ANPA.

Foi unha mañá intensa tanto pola información dos poñentes, como polas dúbidas e experiencias das moitas ANPAS que asistiron.

Alumnado con NEE

O pasado 30 de outubro mantivemos unha reunión coa Xunta Directiva da Asociación de Nais e Pais de Alumnos con Necesidades Educativas Especiáis (anpanee, constituida por nais e pais que pertencen a ANPAS  dos  Centros Educativos da cidade da Coruña). Obviamente as súas inquedanzas son as mesmas que a Federación ven defendendo de sempre, polo que nesa xuntanza acordamos unirnos na defensa dos dereitos do alumnado e das súas familias e esixir conxuntamente unha escolarización inclusiva dos nenos e nenas con necesidades educativas especiáis cos mecanismos que sexan necesarios: servir de apoia ás familias, cooperar na realización de charlas, cursos, talleres, reunións coas Administracións, etc.

Polo tanto, calquera dificultade que teñades no voso Centro para garantir a escolarización en igualdade do alumnado con nee, podedes poñelo en coñecemento da Federación no noso enderezo electrónico de sempre fedapascoruna@fedapascoruna.org ou no da propia asociación info.anpanee@gmail.com e de forma conxunta trataremos de axudarvos.

Deixámosvos a carta de presentación de anpanee. Fai clic no logo