XXIV Día da Ciencia na rúa

O XXIV Día da Ciencia na rúa realízase o sábado 4 de maio, de 11.00 a 19.00 h, no Parque de Santa Margarida

O Servizo Municipal de Educación, en colaboración coa Federación de ANPAs de centros públicos, participará coa actividade “Eureka” do “Programa de Lecer Educativo”, destinado a escolares de 3 a 9 anos, con actividades relacionadas coa astronomía. Tamén participará a escola infantil municipal Os Cativos.

Os obxectivos do Día da Ciencia na Rúa son:

  • Sacar a ciencia á rúa. Presentar a ciencia que se fai nos centros escolares
  • Popularizar o coñecemento científico. Achegar a ciencia á sociedade
  • Desmitificar a ciencia. Presentala como un xogo, como algo sinxelo, fácil de entender e ao alcance de calquera cun mínimo de interese.
  • Darlle protagonismo ao alumnado. Que por unha vez non sexa o profesorado quen conduza o coñecemento, senón que o alumnado se sinta eixo e centro da actividade desenvolvida.

III Festa das Anpas da Escola Pública

Este ano toca a celebración da III FESTA DAS ANPAS DA ESCOLA PÚBLICA. Fostes moitos os que preguntastes se este ano íamos reunirnos en Gandarío; pois si, o día 25 de maio.

Mais ou menos a organización é como o ano pasado (non hai porque cambiar o que funcionou ben). O que si queremos mellorar é a participación dos maiores, pretendemos facer unha xornada de convivencia entre os asociados das ANPAS, as xuntas directivas, AS FAMILIAS, unha xornada de participación que sirva para coñecernos, xogar, bailar, comer xuntos. Pedímosvos que interactuemos cos nosos fillos e fillas e cos monitores, que se encargarán de facer as actividades que vedes abaixo.

Este ano mantemos o torneo de fútbol 7 con equipos mixtos (cada ANPA pode inscribir os que consiga facer) formados por 4 pais/nais e 4 nenos/as cada un deles.

E como non, non pode faltar unha Foliada na que pode participar calquera que saiba tocar un instrumento e que estea disposto a tráelo para bailar todos unhas repichocas.

Se participades, esperamos que si, no torneo de fútbol é preciso, por razóns de organización previa, anotarse no campo relacionado na ligazón da aplicación. Se non hai participantes, non habería esa actividade. O mesmo facemos se vos apetece traer e tocar un instrumento e bailar ao son da música; o que chamamos “Foliada”.

Podedes votar unha ollada ás fotos do ano pasado na nosa web www.fedapascoruna.org  e lembrade que cando teñades todo organizado debedes enviarnos unha listaxe cos nomes de asistentes diferenciando se son nenos/as ou adultos, xa que na ligazón o que facemos é inscribir a ANPA.

Por suposto, gustaríanos que nos axudásedes facendo aportacións, por exemplo: suxerir actividades, aportar patrocinadores que coñezades e estean dispostos a colaborar con agasallos, cartos, o que sexa…e tamén na dinamización das actividades e no traballo xeral dese día, polo que é moi importante que fagades difusión aos participantes das normas de funcionamento que vos achegamos, e tamén do cartel da Festa.

O PRAZO DE INSCRICIÓN REMATA O DÍA 25  DE ABRIL. ESPERAMOS CON MOITA ILUSIÓN QUE VEÑADES E PASEMOS UNHA XORNADA MOI AGRADABLE.

Ligazón para anotar a participación da ANPA:  https://goo.gl/DMidfu

Deixamos aquí o acceso ao documento das Normas da festa

 TEMPORALIZACIÓN:

10:00 – 10:45 : CHEGADA AO ALBERGUE: RECEPCIÓN DAS FAMILIAS.

11:00 – 14:00:

REALIZACIÓN DAS ACTIVIDADES DA PROPOSTA LÚDICA/DEPORTIVA

TORNEO DE FUTBOL EN FAMILIA (por ANPAS)

14:00 – 15:30: XANTAR

HORARIO DE TARDE:

15:30 – 17:30:

REALIZACIÓN DAS ACTIVIDADES DA PROPOSTA LÚDICA/DEPORTIVA

FOLIADA

CAPOEIRA EN FAMILIA

TROTAMÚSICOS

XOGOS MUSICAIS – ZUMBA

E DEMAIS ACTIVIDADES QUE POIDAN XURDIR.  SORPRESA!!!

17:30 – 18:00 FESTA DA ESCUMA

18:00: DESPEDIDA E PECHE DA XORNADA

Básquet Coruña. A Federación Provincial de ANPAs de Centros Públicos de A Coruña, protagonista de ’17 partidos, 17 causas’ da Obra Social de ‘La Caixa’

A Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos da Coruña foi a entidade protagonista e homenaxeada o martes 22 de xaneiro, no partido do Básquet Coruña contra o Real Betis Enerxía Plus no programa solidario ’17 partidos, 17 causas’ da Obra Social de ‘La Caixa’. Un recoñecemento no contexto da celebración do ‘Día Mundial da Educación’ o próximo 24 de xaneiro.

Asistiron á homenaxe a presidenta, Lola Blanco, o tesoureiro, Jose Manuel Calvo, e a vogal, Ana Pereira.

Cariño. Demanda de reforzos docentes para atender aos nenos con necesidades especiais

Case a totalidade dos pais de alumnos do colexio de Cariño secundaron a folga promovida pola Anpa para onte e hoxe, en demanda de reforzos docentes para atender aos nenos con necesidades especiais. Só acudiron ás aulas tres alumnos.

A Anpa A Basteira promove unha manifestación, que conta co respaldo do Concello, para o día 18 de novembro.

A Anpa leva dous meses queixándose ante a Consellería de Educación pola redución das horas do docente de audición e linguaxe, que antes acudía cinco días á semana ao CEIP Manuel Fraga Iribarne e agora faio só tres, pese ao aumento dos escolares con necesidades especiais.

Fonte: La Voz de Galicia

Programas Educativos Curso 2018/19

A oferta de programas de ocio da Federación Provincial de ANPAs para o curso 2018/19, enmárcase dentro dun convenio de colaboración co Concello da Coruña.

Estes programas pretenden ocupar o tempo libre dos escolares, con propostas onde o xogo e a diversión serán o aceno de identidade, proporcionando ao mesmo tempo un lecer activo e de calidade.

Os nenos/as terán un amplo abano de experiencias, que lles permitirán completar o seu desenvolvemento integral como persoa, dentro dun colectivo e nun ambiente distendido, socializador e integrador.

Estes programas desenvolvense nos propios centros públicos da cidade, favorecendo así a conciliación da vida laboral, social e familiar.

Tripticos_programas_18_19

Encontros de Patinaxe 2018

4, 5, 6 e 7 de xuño – Pazo dos Deportes de Riazor

Un ano máis, os nenos e nenas participantes nas escolas deportivas de patinaxe do programa Deporte no Centro, amosarán nestas catro sesións algunhas das aprendizaxes adquiridas neste curso, enmarcándose a súa participación nun ambiente lúdico, onde a participación e a diversión serán de novo os principais obxectivos desta iniciativa

O horario aproximado será de 16:30 a 18:00 h.

A apertura para os espectadores será a partir das 16:15 h.

Calendario de participación dos centros:

Ver en pdf

Cóxegas

O programa Cóxegas é unha proposta que xurde como resposta a demanda das familias para poder conciliar a vida familiar e laboral ata o último día do curso escolar.
Este programa ofrece aos escolares a oportunidade de realizar xogos e deportes, así coma actividades lúdicas de animación teatral, plástica … baixo un enfoque integrador onde os nenos e nenas serán os propios protagonistas mediante a creación dunha aventura virtual

Realizarase en todos os CEIPs públicos que así o soliciten e aproben en Consello Escolar

Período: do 1 ao 21 de xuño
Días e horario: de luns a venres, de 16 a 18 h.

Para inscribirse, pregunta na ANPA do teu colexio

DIPTICO COXEGAS XUÑO 2018

Convocatoria do fondo solidario de libros de texto e axudas para libros de texto e material escolar para o alumnado de primaria, ESO e educación especial para o curso escolar 2018/2019

DOG do 21/05/2018: Orde do 9 de maio de 2018 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2018/19. Ver DOG

Resumo:

O prazo para presentar solicitudes rematará o día 22 de xuño de 2018 (este incluído)

  1. Fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (en diante, EP) e en 1º, 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (en diante, ESO); cursos en que, necesariamente, se manterán os libros de texto do curso 2017/18
  2.  Axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en educación especial (en diante, EE)
  3. Axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE

Presentación de solicitudes:

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica nos formularios normalizados dispoñibles na aplicación informática Fondolibros (https://www.edu.xunta.gal/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

Cando o alumnado, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2018/19, deberá presentala no centro en que estivese matriculado no curso 2017/18