
Unha vez comezado o curso, temos constancia de que un gran número de anpas cambiaron a súa Xunta Directiva, e, como todos os anos, programamos o curso de formación dirixido aos/as que vos incorporastes á vosa anpa.
Por razóns de cumprimento do Protocolo Covid, nesta ocasión non será presencial e utilizaremos a plataforma Zoom para impartilo.
Neste curso falarase de toda a parte administrativa que debe coñecer e cumprir unha asociación, dos vosos dereitos, obrigas, finalidades, convocatorias e actas de xunta directiva e asembleas, consello escolar; en definitiva, de todo o que é necesario que coñezades para realizar, de acordo ás normativas e tamén o sentido común, o voso traballo.
Programamos diferentes datas, os días 2, 4, 8,10 e 11 de novembro coa idea de facer grupos de non máis de 35 persoas en cada unha delas.
INSCRICIÓN:
Admitiranse dúas persoas por cada anpa
Elixides entre os propostos, e en primeiro lugar, o día que mellor se adapte a cada un/a de vós.
A continuación marcades unha segunda opción.
Se a demanda da primeira opción supera o límite de asistentes, terase en conta a orde de inscrición para adxudicar as 35 prazas dese día e as seguintes solicitudes irían á segunda data elixida se é posible. A Federación resérvase o dereito de adxudicar outro día dos programados, despois de revisadas as solicitudes, co fin de respectar os grupos reducidos e que a reunión sexa de proveito.
Enviarémosvos un correo electrónico coa data da vosa participación.
O mesmo día do curso recibiredes no voso correo o IDE de reunión e o código de acceso
Para facer a inscrición, pica no enlace seguinte: Inscrición
Nota: É necesario estar ao corrente no pago da cota anual da Federación para ter acceso ao Curso de Formación.
Un saúdo,
Xunta Directiva da Federación Prov. ANPAs Centros Públicos da Coruña